MARTÍN PINTOS NO SYOC COA SELECCIÓN ESPAÑOLA

Martín Pintos, xogador xuvenil do AD Vincios Rosquillas Cristaleiro da División de Honor de Tenis de mesa, comeza este próximo mércores a súa participación no SYOC Open Internacional de España Cadete e Junior que se disputará en Platja d´Aro (Girona) ata o próximo domingo. O xogador gondomareño foi convocado polo equipo técnico da RFETM para formar parte da selección española xuvenil e competirá nas probas de equipos, dobres e individual. Participarán neste importante torneo de categoría 1 máis de 200 palistas de países europeos, americanos e asiáticos. Esta convocatoria é un merecido premio ao traballo e esforzo do xogador miñorano que este ano combinou os adestramentos e partidos no club francés GDV Hennebont coa competición de División de Honor na liga española.



A seguinte fin de semana, Martín Pintos cos seus compañeiros de equipo Moisés Álvarez, Diogo Silva e Rafael Otero terán o reto máis difícil da tempada que será disputar a fase de ascenso a Súperdivisión Masculina en Gondomar. O Open de España pode ser, por tanto, para Martín, unha boa pedra de toque de cara a chegar no momento óptimo de forma ao momento crucial da liga

Comentarios

Publicacións populares