Excelente Campionato de España da AD Vincios

De extraordinario podería calificarse a actuación dos xogadores e xogadoras da AD Vincios no campionato de España celebrado ata este domingo en Blanes (Girona). Destacamos evidentemente as dúas medallas de prata acadadas na modalidade de dobres xuvenís masculinos por Martín Pintos e Anxo Iglesias e en dobres sub23 masculinos por Moisés Álvarez facendo parella co madrileño Javier Benito. 
Pero ao marxe destes dous importantes éxitos cabe sinalar a excelente actuación de todos os compoñentes do club en todas as categorías. Así, comezando pola categoría alevín feminina, Luísa Pintos acadou os oitavos de final na proba de dobres perdendo por un axustado 3-2 11-9 no pase a cuartos. En individual perdeu coa xogadora que finalmente se proclamou subcampioa de España. 
En infantil, Nico, Pedro, Fer, Simón, Mario e Andrés tiveron unha boa actuación. Pedro e Simón superaban a fase de grupos en individual e perdían ás portas do cadro final. Mario disputou unha difícil rolda de 32avos de final na que finalmente perdeu por un axustado 4-2. Andrés Torres facía tamén un bo partido na rolda de 16avos contra o xerezano Juan Pérez caendo derrotado en axustados sets por 4-1. 
En dobres Andrés Torres facendo parella co madrileño Gonzalo Herranz quedaba ás portas das semifinais perdendo por 3-1 contra os posteriores campións. En equipos infantís acadaban os oitavos de final para caer derrotados 3-1 contra Xetafe, logo subcampión. En xuvenil masculino o equipo gondomareño caeu tamén en oitavos de final contra Alicante, campión da competición, por un axustado 3-2 que se resolveu no último partido por estreito marxe.
 En individual tanto Martín Pintos como Anxo Iglesias chegaron ata oitavos de final perdendo contra Javier Soria (2-4) e Joan Masip (0-4). En dobres conseguiron a xa mencionada medalla de prata caendo na final contra Javier Soria e Jorge Jiménez, de Madrid.
 En xuvenil feminino, ademais da proba de equipos, Natalia Fernández perdeu na 1 rolda do cadro final e en dobres chegou, xunto coa catalana Catalina Zamorano, ata os cuartos de final despois de  derrotar en oitavos ás cabezas de serie número 1 do torneo Claudia Caymel e Ana García.
 Na competición sub23 en equipos perdían en cuartos de final contra mataró por 2-3 nun dramático partido final no que Martín Pintos dispuxo de ata 3 bólas de semifinal para perder finalmente 10-12 no 5 e definitivo set. En dobres, aparte da xa mencionada prata de Moisés, a parella Martín-Anxo perdía en oitavos de final por un axustado 3-2 contra Mallorquí e Luño. En individual Moisés perdía nun durísimo partido de 16avos de final contra Vílchez e novamente Martín Pintos e Anxo Iglesias acadaban os oitavos de final onde perdían 3-4 contra Benito e 2-4 contra Caballero. Finalmente tamén disputaron a Copa de equipos absolutos onde non chegaron ao cadro e Moisés caía na proba individual derrotado por Guillermo Martínez. 
En toda a competición estiveron dirixidos polo adestrador do club Samuel Pereiro que contou coa axuda doutros compoñentes do equipo técnico en momentos puntuais. En resumo, un marabilloso resultado, unha competición que levou ao club a ter varias oportunidades reais de acceder a máis medallas e a confirmación da progresión dos xogadores e xogadoras das categorías inferiores

Comentarios

Publicacións populares